XIADA: Etiquetador/Lematizador do Galego Actual

XIADA

Presentamos aquí unha aplicación derivada do sistema XIADA. Trátase dun flexionador integral que emprega a base de datos léxica do etiquetador/lematizador do galego actual (XIADA)1, co que se xera a flexión non só de lemas amparados pola norma oficial vixente, senón tamén daqueles máis frecuentes avalados polo uso no CORGA.

O flexionador ofrece un paradigma para cada lema por clase de palabra, de xeito que se amosa un paradigma para cantar verbo e outro para cantar substantivo. A maiores, ofrécense tantos paradigmas diferentes como modelos flexivos siga o lema en cuestión. Por exemplo, no caso de xerente ofreceranse dous: un sen flexión de xénero (xerente, xerentes), cuxa fonte é o VOLGa, e outro con formas específicas para o feminino, fundamentado no uso, que toma como fonte o propio CORGA (xerente, xerenta, xerentes, xerentas).

Por outra banda, cando a flexión ofrece máis dunha forma, recóllense todas as variantes. Así, a flexión do lema verbal andar acolle as formas regulares (ando, andaba, andei, andara...), mais tamén as irregulares do tema de perfecto analóxico de estiven (andiven, andivera...) e as de estuven (anduven, anduvera...). Convén especificar, non obstante, que non se diferencia entre verbos defectivos (chover) e non defectivos (pintar) nin tampouco entre conxugacións ambiguas (cumprir ‘levar a cabo’ e cumprir ‘ser necesario’). Así mesmo, para as clases de palabras invariables non se amosará loxicamente flexión, mais si pode acoller formas diminutivas ou elativas (por exemplo, o adverbio cerca acubilla os elementos cerca, cerquiña e cerquísima).

En todos os casos visualízase a etiqueta correspondente a cada elemento do paradigma e mais a descrición do seu contido, con indicación de se os elementos seguen (en redonda) ou non (en cursiva) a norma oficial.

Por último, o flexionador conéctase co sistema de consultas do CORGA con só premer nunha forma concreta de calquera paradigma. Accédese así directamente ás concordancias que ese elemento, sempre asociado a unha etiqueta, presenta no CORGA, mostrándoo nunha gran variedade de usos e contextos. Con todo, débese ter presente que non todos os lemas recoñecidos no CORGA figuran no léxico de XIADA, posto que aqueles que son identificados mediante lematización automática non poden ser obxecto de xeración por non figurar no lexicón, nin tampouco os que presenten seseo ou gheada, por facilitarse o seu recoñecemento no CORGA a través doutros recursos.

1 Dispoñible para a súa descarga en https://corpus.cirp.gal/xiada/descargas/texto_lexico