O grupo de investigación do proxecto Corpus Documentale Latinum Medievale Gallaeciae (CODOLGA) ofrece aos seus lectores e investigadores preocupados pola documentación latina medieval o seu novo número 13, correspondente ao ano 2016.

CODOLGA foi ofertado en rede por primeira vez no ano 2004, despois de 10 anos de intenso traballo e con 8.000 documentos editados e traballados para aproveitamento por parte dos investigadores, tanto do ámbito da lexicografía e da gramática como da historia e da socioloxía, a través da documentación latina medieval galega.

Desde entón, CODOLGA nunca faltou á súa cita co mundo dos investigadores e non deixou de estar presentes cunha periodicidade anual no ámbito dos nosos lectores. Nesta ocasión, engadimos 672 novos documentos, que sumados aos 13.124 do número anterior fan un total de 13.796 documentos do entorno da Gallaecia, postos a disposición dos investigadores, estudosos e interesados pola lingua, cultura e historia de Galicia.

Neste novo número, o décimo terceiro desde a nosa aparición na rede, incorporamos documentos de Mondoñedo, San Vicente do Pino, Fiães e Lourenzá.

CODOLGA pasou, a partir do ano 2006, a introducir, non só documentos latinos medievais de Gallaecia, senón tamén as crónicas medievais latinas pola relación existente entre documentos e historiografía latina medieval. E, así, introducíronse en CODOLGA as crónicas de Hidacio, de Xoán de Bíclaro e as Crónicas asturianas, ademais dos Annales Portugalenses Veteres, a Crónica de Alfonso Emperador, a Crónica de Isidoro de Sevilla e a Crónica Mozárabe de 754 e o texto dos Concilios de Toledo. Neste número publicamos os concilios de Braga, o Cronicón Iriense e a Crónica Bizantina.

A maior satisfacción de todo o equipo de CODOLGA é a de contribuír a un mellor coñecemento da lingua e da cultura de Galicia e a de proporcionar a todos os investigadores e estudosos o apoio documental que precisan.

Así mesmo, é de xustiza recoñecer ao Centro de Investigación en Humanidades “Ramón Piñeiro”, financiado pola Xunta de Galicia, o esforzo económico e de medios proporcionados para a continuidade deste equipo de traballo ao longo de tantos anos.

J. Eduardo López Pereira

Director de CODOLGA