O grupo de investigación do proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) mantén o compromiso de ir actualizando e arrequentando cada ano a súa aplicación informática coa incorporación dos novos materiais que van sendo preparados. Nesta nova versión, que fai xa a número 21, están engadidos 696 novos documentos, o que supón que a base de datos de CODOLGA teña dispoñibles 21.015 textos documentais relacionados coa Gallaecia dos séculos VI ata o XV, para consulta libre e aproveitamento por parte de todo o público interesado na Galicia da Idade Media nos ámbitos da lingüística, da literatura, da cultura, da socioloxía ou da historia en xeral.
Os documentos incorporados nesta nova versión pertencen aos fondos dos mosteiros de Santa María de Monfero, Santa María de Tomiño, Santa Baia de Donas, Santa María de Refoxos e Santa María de Sobrado. Agregáronse tamén documentos do Tombo C do Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela e das coleccións diplomáticas dos reis Vermudo III e Urraca. A sección de “fontes e estudos”, dedicada a recompilar outros textos latinos medievais importantes pola súa relación coa Galicia medieval ou algúns estudos significativos do ámbito do proxecto, queda este ano enriquecida co singular relato de milagres atribuídos ao freire da Orde dos Predicadores Pedro González (Frómista 1190-Tui 1246), coñecido como San Telmo. Ese relato foi elaborado no ano 1258 baixo a supervisión do bispo de Tui Xil Pérez de Cerveira.
En paralelo coa preparación desta nova versión de CODOLGA continuouse ademais coa ampliación de materiais para o recurso Fontes Textuais da Galicia Medieval (FONTEGAM), no que se pretende ofrecer unha ferramenta que combina os textos latinos do proxecto CODOLGA e os textos románicos do proxecto Corpus Galego-Portugués Antigo (CGPA), para permitir a busca conxunta de información sobre calquera momento e lugar da Galicia medieval. Publícase agora tamén a segunda versión desa ferramenta. Continúase así mesmo coa colaboración de CODOLGA con todos os distintos proxectos da Península Ibérica dedicados a traballar cos textos documentais medievais dos respectivos territorios e asociados na rede denominada Corpus Documentale Latinum Hispaniarum (CODOLHISP), recoñecida polo Ministerio de Ciencia e Innovación como rede de investigación de excelencia. Un froito do traballo colaborativo é outro recurso que permite consultas e buscas combinadas nos respectivos corpora documentalia.
Como cada ano, é unha satisfacción poder agradecer ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades que acolla o proxecto CODOLGA dentro do seu programa de actividades, e á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que achegue o financiamento necesario para o desenvolvemento deste traballo pluridisciplinar de investigación e divulgación.
Xosé Carracedo Fraga
Director do CODOLGA